Un estudio amosa que os móbiles interfiren cos aparellos médicos

xoves, 6 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Hai quen di que a chegada do móbiles foi un gran paso cara a adiante no proceso de salvar vidas, tanto para que os profesionais do sector e os servizos de emerxencias poidan seren alertados de xeito case inmediato perante unha eventualidade. Porén, un estudo levado a cabo por investigadores holandeses vén de probar que os celulares poden interferir coa recuperación dos doentes, máis concretamente co funcionamento dos equipos médicos de terapia intensiva.

Os resultados do estudo publicado este xoves nun artigo da BBC fai referencia a un seguimento de 61 máquinas do sector da saúde que na súa meirande parte deixaban de funcionar de xeito correcto cando un teléfono celular se achegaba a unha distancia de entre “uns poucos centímetros” e até “tres metros”.

Entre os equipos que acusan a devandita sensibilidade ós móbiles inclúense respiradores artificiais, monitores dos coidados intensivos, máquinas de diálises, marcapasos externos, máquinas de alimentación e até humidificadores de ambientes. O gran problema destas interferencias é que por exemplo no caso dos respiradores, seis dos nove aparellos que foron sometidos as probas teñen unha “influencia directa” no estado do doente.

Neste eido, as autoridades sanitarias do Reino Unido advirten que “os teléfonos móbiles non deberían ser usados en áreas de terapia intensiva, coidados especiais ou unidades de bebés, nin en aqueles sitios nos que os doentes dependan de dispositivos complexos”.

PUBLICIDADE