Un kit oficial permitirá ampliar a batería do Samsung Galaxy S III

luns, 31 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Un dos principais problemas dos smartphones actuais é a súa autonomía, e aínda que existen cargadores externos para solucionar tal eiva, resultan incómodos, polos que moitos usuarios prefiren optar por baterías de maior capacidade, o que normalmente supón a substitución da carcasa traseira do móbil para poder dar cabida a unha batería de maior grosor, chegando case sempre este tipo de opcións de xeito non oficial, polo que sorprende que varias tendas en liña (tanto un provedor británico como o Amazon alemán) están a listar para a súa venda un kit de ampliación de batería para o Samsung Galaxy S III.
Este kit chegaría en dous modelos (segundo a cor da carcasa do móbil) e cunha batería de 3.000 mAh, o que resulta substancialmente maior que os 2.100 mAh que inclúe a batería orixinal, e que non prexudicaría excesivamente ao peso e o grosor do terminal estrela dos últimos meses. O prezo do kit é de 39,90 euros, e agárdase que estea dispoñible a partir do 5 de xaneiro.

PUBLICIDADE