Un operador de videoxogos chinés, xulgado por permitir copias pirata en liña

martes, 6 de febreiro do 2007 Raquel Noya

O meirande operador de videoxogos en liña chinés, unha filial de Shanda Online Interactive, está a ser xulgado por permitir o emprego de copias pirata de seis populares xogos na súa páxina web. En concreto, o Counter Strike, o Warcraft III, o Warcraft III: Frozen Throne, o Starcraft, o Diablo 2 e o Diablo 2: Lord of destruction foron empregados para xogar en liña e sumar máis de 62 millóns de usuarios. A denuncia foi presentada por China Aomei Network, que en 2005 mercara os dereitos dos devanditos xogos para operar en China, e que agora reclama unha desculpa pública así como unha indemnización de 10 millóns de euros e a eliminación de tódolos xogos (e do contido relacionado con eles) do portal web demandado. Segundo afirmou o diario Shanghai Daily, a empresa denunciada argumenta (para a súa defensa) que só “ofrece unha plataforma para os xogadores” e afirma que “non ten nada que ver cos xogos nin coas copias pirata dos programas”.

PUBLICIDADE