Un pecho con Bluetooth permite librarnos das chaves

venres, 29 de novembro do 2013 Marcus Fernández

As tendas norteamericanas están comezando a recibir nos seus estantes un interesante produto para o fogar que fai uso da tecnoloxía Bluetooth 4.0 LE para permitirnos librarnos da necesidade de empregar as chaves para abrir a porta do noso fogar, o pecho Kevo de UniKey.
Estamos ante un produto que substitúe o pecho tradicional do noso domicilio, que continuará a funcionar con chaves físicas de xeito opcional, pero que tamén poderá abrirse e pecharse por contacto sempre que na proximidade da porta estea o noso smartphone (polo momento só contan cunha aplicación para iOS compatible con esta solución, aínda que están en desenvolvemento versións para Android, Windows Phone e BlackBerry) ou un pequeno accesorio que pode levarse no chaveiro, pensado no seu uso para os membros da familia que non teñan un smartphone.

De carecer de smartphone, o pecho permite o seu desbloqueo cun accesorio con Bluetooth 4.0 LE

Ao xestionarse o pecho a través dunha aplicación, é posible engadir e eliminar usuarios a través dunha páxina web, o que facilitará que poidamos autorizar a convidados ao noso domicilio, que poderán acceder sen problema sempre que conten cun smartphone coa aplicación de Kevo instalada.
Este tecnolóxico pecho pode substituír ao actual de xeito doado, podendo instalarse nuns 5 minutos, precisando de pouco mantemento, xa que incluso ten un consumo bastante reducido, podendo operar ata un ano seguido con só 4 pilas AA.
O lote que inclúe un pecho Kevo, 4 pilas AA, 2 chaves electrónicas, 2 chaves mecánicas e un accesorio para poder empregar o pecho sen ter smartphone véndese en 3 cores distintas na tenda en liña de Apple nos EE.UU. por 219,95 dólares (162 euros), e posiblemente goce da simpatía dos amantes á domótica, que verán neste dispositivo un xeito máis de modernizar o seu fogar.

O pecho Kevo desbloquéase por contacto


Vídeo promocional do pecho Kevo de UniKey

PUBLICIDADE