Un pecho de Xiaomi permítenos abrir a porta con contrasinal ou pegada dixital

luns, 5 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Cada vez son máis os dispositivos que contribúen a termos un fogar domótico, entre os que ten bastante peso a seguridade, que non se limita só a cámaras e sensores de presenza, senón tamén a pechos que facilitan o dicir adeus ás chaves, como o Zelkova dunha das marcas de Xiaomi.
O curioso deste pecho para portas é que opta por un sistema de identificación múltiple, permitindo a apertura mediante código numérico introducido nun teclado físico, con identificación de pegadas dixitais ou incluso a través dunha aplicación móbil (a corta distancia). O feito de que este pecho estea conectado á Rede facilita poder comprobar se a porta quedou aberta, pero tamén ten como grande vantaxe a posibilidade de crear remotamente contrasinais de acceso temporais, o que resulta moi práctico para deixar entrar a convidados ou a traballadores que van a realizar un servizo puntual.
O pecho Zelkova pode instalarse en portas cun grosor de entre 50 e 100 milímetros, permite configurar até 20 contrasinais, aliméntase con 8 baterías AA que achéganlle unha autonomía para operar durante aproximadamente 18 meses e as súas dimensións son de 340 x 75 x 26 milímetros. Pode adquirirse de importación por preto de 275 euros.

PUBLICIDADE