Un proxector de vídeo de peto trunfa en Indiegogo

venres, 29 de setembro do 2017 Marcus Fernández

O aproveitamento de empresas establecidas das campañas de micromecenado para lanzar produtos conseguindo certa promoción non sempre funciona, pois o público non ve con bos ollos que se empregue o crowdfunding como un sistema de compra anticipada para compañías que non precisan tal, pero a Anker parece estar a funcionarlle, e o proxecto emprendido por unha das súas compañías incubadas, Nebula, está a trunfar en Indiegogo por convencer aos mecenas co «cine de peto máis avanzado do mundo».
Este cine de peto non é máis que un proxector de vídeo con Android, como moitos outros dos que podemos atopar en tendas en liña chinesas, que destacou por adoptar un formato semellante ao dunha lata de refresco, e que funciona tamén como altofalante de 360 graos, e que pode empregarse en mobilidade por contar cunha batería de Anker que permítelle unha autonomía de até dúas horas e media para vídeo (40 horas para música). O produto ofrécese a un prezo de a partires de 249 dólares (aos que habería que engadir os gastos de envío) e prevese o seu envío aos mecenas a partires do mes de decembro.
Pero este proxector de vídeo chamado Nebula Capsule, que usa tecnoloxía DLP para proxectar unha imaxe de até 100 polgadas e ten como grande vantaxe o integrar Android 7.0 (de xeito que podería acceder directamente a contido en YouTube, Netflix, HBO... e incluso empregarse para facer espello dos contidos dun smartphone), parece demasiado bo para ser certo, pero é que agocha unha carencia moi importante: a imaxe do seu proxector ten unha resolución nativa de 854 x 480 píxeles e un brillo de 100 lumenes, características dificilmente aceptables para un proxector de vídeo deste século.

Vídeo promocional do proxector Nebula Capsule

PUBLICIDADE