Un rastrexador de equipaxes galego busca financiamento en Kickstarter

mércores, 27 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Á hora de viaxar principalmente en avión unha das grandes preocupacións é a equipaxe, especialmente se levamos cousas de valor na mesma, e para tranquilizar aos pasaxeiros está a xestarse un proxecto por parte dos galegos Santiago Álvarez e Lucía Taboada, que tiña previsto buscar financiamento a través de Indiegogo, pero que finalmente estreou campaña en Kickstarter, co que probablemente consigan unha maior proxección internacional.
Esta iniciativa persegue producir o Wimbag, un pequeno dispositivo localizador que pode introducirse na nosa maleta para facilitar a súa localización no caso de extravío. Deste xeito, no caso de perder a maleta, pódese recorrer a unha sinxela e áxil aplicación móbil para poder localizar a equipaxe, aínda que este sistema será un chisco máis sofisticado, incluíndo alerta de apertura non autorizada ou por afastamento mediante Bluetooth 4.0 (advertíndonos así de posibles roubos), desconectándose de xeito automático durante o voo, caracterizándose por un baixo consumo (avisando mediante unha notificación cando a súa batería baixe do 10%) e cunha característica especialmente interesante: integración cos sistemas de equipaxes perdidas das principais aeroliñas (para o que aínda están en negociacións coas mesmas). Esta última prestación sería a que diferenciaría este produto de solucións semellantes como Trakdot Luggage (produto orientado principalmente ao mercado norteamericano).
Este trebello de 80 x 60 x 15 milímetros e 100 gramos de peso non emprega GPS na súa versión básica, senón que establece a localización mediante as redes móbiles, o que é máis que suficiente para saber se a equipaxe foi parar ao aeroporto correspondente, recibíndose de xeito automático unha notificación (indicando a posición ) despois de aterrar, sendo posible consultar a posición en tempo real a cada momento. Pero ante o interese por parte de certos usuarios dunha maior precisión, tamén estaría dispoñible unha versión pro de Wimbag, que integrará GPS/GNSS (aínda que cómpre lembrar que os sistemas de localización deste tipo non funcionan nin durante os voos nin en interiores de edificios).
A campaña de microfinanciamento está a promocionarse a través de Facebook, Twittere LinkedIn, e incluso Instagram, procurando así facilitar o proceso de captación de fondos que levarán ao produto a converterse en realidade. O prezo que tería o produto a través de Kickstarter sería de a partires de 70 dólares (con opcións para adqurir varios dispositivos e incluso acompañalos cunha batería externa ou power bank), buscando xuntar 50.000 dólares para facer viable o proxecto que xa antes de ver a luz recibiu o Premio á Innovación no III Foro Designing Future na Coruña.
A captación de fondos para Wimbag desenvolverase durante 39 días máis e, de superar a meta fixada, confían en poder iniciar os envíos aos mecenas no mes de xullo, para que chegue a tempo para as vacacións de verán.

PUBLICIDADE