Un robot podería axudar a instalar fibra óptica nos tendidos eléctricos

martes, 14 de xullo do 2020 Marcus Fernández

A fibra óptica é a mellor tecnoloxía que temos actualmente para achegar conexións de banda larga, pero o seu espallamento é moi complexo, e para facilitar o seu despregamento en instalacións aéreas (concretamente en tendidos eléctricos) dende Facebook Connectivity están a presentar un curioso robot deseñado precisamente para instalar cables de fibra óptica en cableado eléctrico de media tensión.
O aproveitamento do tendido eléctrico para instalar redes de fibra óptica é unha solución moi económica, xa que reduce os custos das infraestruturas ao aproveitar instalacións redes existentes, aínda que a viabilidade desta tecnoloxía non se coñecerá ben até que inicien as súas probas o ano que vén. Confían en que este desenvolvemento poida axudar a levar a banda larga fixa a zonas rurais e comunidades cun baixo desenvolvemento económico para ás que non resultaría rendible realizar unha instalación de fibra óptica tradicional.
Facebook Connectivy probará este sistema de despregamento de redes de fibra óptica con NetEquity Networks, compañía que precisamente está especializada no aproveitamento do tendido eléctrico para conseguir redes de fibra óptica económicas.
Os robots que están a deseñar dende Facebook Connectivy serían capaces de instalar máis dun quilómetro de fibra óptica e superar ducias de obstáculos no camiño en aproximadamente hora e media, dun xeito totalmente autónomo, reducindo bastante a intervención humana no proceso, aínda que tendo en conta todo o traballo que hai asociado a este tipo de instalacións estiman que os robots permitirían realizar entre 1,5 e 2 quilómetros de tendido por día. Tamén cómpre salientar que os cables de fibra óptica que empregan os robots que está a deseñar Facebook Connectivity serían máis lixeiro do habitual, xa que é preciso reducir ao máximo este elemento para que os tendidos eléctricos poidan soportar tal peso (e o do propio robot).
Aínda é moi cedo para saber se esta tecnoloxía é viable, pero de ser así, podería reducir considerablemente os custos de levar a fibra óptica a moitas comunidades que actualmente padecen a fenda dixital por non resultar rendible achegarlles banda larga de calidade.

PUBLICIDADE