Un timbre con webcam verá a luz grazas ao micromecenado

venres, 16 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Este verán os proxecto de micromecenado parecen ser os que están a xerar unha maior diversidade a nivel tecnolóxico, e moitas boas ideas están a acadar o financiamento que garanta o seu desenvolvemento en tempos mínimos, como a curiosa iDoorCam, que é unha solución que consiste nun timbre para a porta da casa que integra cámara e conectividade Wi-Fi, o que da pé a moitas posibilidades, polo que os 100.000 dólares que perseguía acadar en Indiegogo conseguíronse sen dificultade canda aínda falta máis dun mes para o peche desta captación de financiamento.
O funcionamento desta solución é moi sinxela: só temos que colocar a iDoorCam xunto a porta do noso fogar, substituíndo ao noso timbre tradicional (podendo incluso configurarse remotamente se queremos que o timbre se escoite ou non para, por exemplo, evitar que a porta moleste a alguén que estea a durmir), conéctase á nosa rede Wi-Fi e mediante unha aplicación móbil (para iOS e Android) poderemos ver quen chama, para decidir se abrimos ou non , e incluso poderemos falar a distancia co visitantes (o dispositivo conta con audio bidireccional) de xeito que incluso poderiamos atender a porta cando esteamos fóra da casa. A iDoorCam tamén permite sacar fotografías ou gravar vídeo, polo que podemos ver a este timbre tamén como unha mellora da seguridade do noso fogar.
Os interesados en conseguir esta interesante solución poden aproveitar a campaña de micromecenado para facerse cun destes timbres por 127 dólares (o que serían uns 118 euros con portes), recibindo o dispositivo a partir do mes de outubro.


Vídeo de presentación da iDoorCam

PUBLICIDADE