Uncharted 4: El Desenlace del Ladrón vendeu 2,7 millóns de copias na súa primeira semana

luns, 23 de maio do 2016 Marcus Fernández

Non é ningún segredo que moitos xogadores mercaron no seu momento a súa PlayStation 4 coa vista posta no lanzamento de Uncharted 4, pero agora é a propia Sony a que confirma o éxito de El Desenlace del Ladrón, anunciando que na súa primeira semana á venda a produción de Naughty Dog conseguiu superar os 2,7 millóns de unidades vendidas, converténdose así no título first party que máis rapidamente vendeu até agora, cando menos na rexión PAL.
Os datos de vendas da última entrega das aventuras de Nathan Drake inclúen tanto copias físicas como descargables a nivel mundial a data do 16 de maio, e lembremos que incluso houbo problemas para prover de copias a través de importantes canles de distribución.
En calquera caso cómpre salientar que a boa resposta do público ante este lanzamento non foi inxustificada, xa que, aparte do nivel de calidade das tres primeiras entregas da saga, desta volta adiantaron que o xogo vai gozar dunha longa vida por incluír actualizacións de balde no seu modo multi-xogador até a primavera de 2017, algo para o que a meirande parte de xogos esixirían a compra dun pase de tempada.

PUBLICIDADE