Unha cámara Wi-Fi sorprende con opción de recoñecemento facial

mércores, 8 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

As cámaras de vixilancia con conectividade Wi-Fi contan cada vez con máis funcionalidades, e última da que soubemos é a Simplicam de ArcSoft, que non só é doada de instalar, pode transmitir vídeo en directo a 720p, detecta ruído e movementos, conta con visión nocturna, pode controlarse dende o ordenador ou dispositivos móbiles (con Android ou iOS) e ten audio bidireccional, senón que tamén conta cunha opción sumamente interesante: recoñecemento facial para saber quen está no noso fogar en cada momento.
Esta cámara sairá á venda o mes que vén a un prezo de 150 dólares, e aínda que a cámara Wi-Fi permite a monitorización remota e o disparo de alertas de balde, é posible contratar un servizo de gravación da compañía Closeli para unha maior seguridade, que vai dende 49 dólares/ano para rexistrar o último día de actividade ata 229 dólares/ano por 21 días de gravacións. Estes servizos de gravación son os que habilitan o recoñecemento facial, para poder saber, por exemplo, cando chega cada membro da familia ao fogar ou se hai alguén inesperado na casa cando os nosos fillos estean sos.

As imaxes captadas pola cámara poden verse en tempo real dende o móbil

PUBLICIDADE