Unha consola portátil permitirá recuperar os xogos de ZX Spectrum

martes, 16 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Un dos ordenadores cos que moitos españois deron os seus primeiros pasos no mundo da informática a finais dos anos 80 foi o ZX Spectrum, convertido en todo un obxecto de culto que quere agora volver convertido nunha atractiva consola portátil chamada Sinclair ZX Spectrum Vega+, que está a buscar financiamento a través de Indiegogo e que confían en que poida chegar ás mans dos seus mecenas no mes de setembro.
Esta máquina está a ser desenvolvida por Retro Computers Ltd. en colaboración con Sinclair Research Ltd. (empresa de Sir Clive Sinclair, o pai do Spectrum) e coa pertinente licenza de Sky In-Home Service Ltd. (empresa que herdou de Amstrad os dereitos de explotación dos ordenadores Spectrum). Para o deseño do produto contan con Rick Dickinson (creador dos deseños industriais de todos os ordenadores ZX de Sinclair) e ofrécese aos mecenas en carcasas de catro cores distintas a un prezo de 100 libras esterlinas (129 euros) no que inclúen un milleiro de xogos pre-cargados, deixando espazo dabondo na Vega+ para poder incorporar moitos outros xogo que poder gozar na pantalla LCD da portátil ou tamén nun televisor externo.

Os xogos de ZX Spectrum poderán cargarse na Vega+ mediante tarxetas de memoria

A ZX Spectrum Vega+ promete ser compatible cos máis de 14.000 xogos desenvolvidos para o ZX Spectrum orixinal (que poderán cargarse mediante tarxetas de memoria en formatos populares como .TAP, .Z80 e .SZX), coa vantaxe de que a consola pode empregarse en mobilidade e que non hai que agardar varios minutos para poder xogar aos xogos que había que cargar con cintas de casete no seu día.
Estamos ante unha consola que promete ter unha boa aceptación entre un público nostálxico, que non se conforma con correr un emulador no seu ordenador, senón que busca un produto que tamén leve o espírito do ZX Spectrum no seu deseño.

A Sinclair ZX Spectrum Vega+ permitirá gozar de xogos clásicos na súa pantalla LCD ou nunha pantalla externa

Vídeo de presentación da campaña de financiamento da consola Vega+

PUBLICIDADE