Unha correa engadirá 30 horas de autonomía ao Apple Watch

venres, 26 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Agora que o Apple Watch xa pode adquirirse en España, algúns dos seus compradores estarán preocupados pola súa autonomía, e grazas a unha especificación do reloxo pouco publicitada (ten un conector de carga oculto) esa eiva do reloxo pode arranxarse grazas a correas como a Reserve Strap, un accesorio que multiplica por 2,7 a autonomía do Apple Watch de xeito que engadiríalle unhas 30 horas de autonomía.
Esta curiosa correa que pode adaptarse as reloxos de Apple con corpos de 38 e 42 milímetros e se axustaría a pulsos de entre 130 e 210 milímetros ten un ancho de 25 milímetros, un grosor de 3-9 milímetros e un peso de 65 gramos, agochando no seu interior unha batería recargable por micro USB, á vez que tamén integra un botón de acendido e un indicador LED de carga.
A Reserve Strap xa pode mercarse en cor branca, gris ou negra a un prezo de 249,99 dólares (223,26 euros) aínda que non se enviará aos seus compradores até o 3 de novembro.

A correa venderase en dous tamaños e tres cores distintas

PUBLICIDADE