Unha empresa canadense prepara un portátil totalmente solar

martes, 6 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Pensando en usos militares, educativos e para países en desenvolvemento a empresa canadense WeWi Telecommunications deseñou SOL, un ordenador portátil baseado no sistema operativo Ubuntu que pode cargar a súa batería interna nunhas 2 horas para operar entre 8 e 10 horas destacando polo feito de que a carga faise mediante paneis solares, o que resulta difícil de crer, especialmente se temos en conta que este equipo pensa venderse a uns 350-400 dólares e o primeiro mercado ao que quere chegar e o do país africano Ghana.
SOL presume de ser o primeiro portátil do mundo en ser realmente solar, por non precisar de enchufarse nunca á corrente para operar. Tamén estará fabricado con materiais resistentes, pensando nas duras condicións ás que podería someterse en exteriores, e as súas prestacións parecen bastante razoables: ten un procesador Intel Atom D2500 de dobre núcleo a 1,86 GHz, 2-4 Gb de RAM, 320 Gb de disco duro, gráfica Intel GMA3600, pantalla de 13,3 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles, cámara de 3 Mpíxeles, 3 portos USB 2.0, tomas para auriculares e micrófono, altofalantes estéreo, Fast Ethernet, lector de tarxetas de memoria, conectividade 4G, GPS, Wi-Fi N e Bluetooth 4.0. Cómpre destacar que para a súa alimentación con enerxía solar o equipo non conta só cun panel na súa parte traseira, senón que precisa dun conxunto de paneis que hai que despregar no momento da carga.

O portátil conta con varios paneis solares para cargar a súa batería interna


Vídeo promocional do portátil solar

PUBLICIDADE