Unha empresa española desenvolve uns lentes intelixentes asumibles

xoves, 17 de outubro do 2013 Marcus Fernández

O proxecto de lentes intelixentes de Google está a levar a outras compañías a desenvolver produtos semellantes, para cubrir distintas necesidades, e incluso a prezos moi asumibles, como un proxecto que dende Elche leva a nova empresa ION Eyewear, S.L., que a través do micromecenado quere facer realidade no mes de febreiro as súas ION Glasses, que consisten nunha montura que pode empregase para montar lentes graduadas ou de sol que na súa patilla dereita integra un chip Bluetooth 4.0 LE, un LED de notificacións de 256 cores, un par de botóns e unha batería recargable cunha autonomía de preto dunha semana, e que serviría para recibir notificacións dende o móbil ou tablet, así como para controlar dispositivos sen fíos.
Non estamos así ante unhas sofisticadas lentes con proxección de vídeo, senón ante un sinxelo sistema de notificacións que pode controlarse a través dunha aplicación móbil para iOS ou Android, de xeito que cando recibamos unha mensaxe de texto, unha chamada, un e-mail ou un evento dunha das nosas redes sociais un indicador nas lentes iluminarase da cor que teñamos definido, incluso cando o dispositivo estea en silencio.
Ao empregar a tecnoloxía Bluetooth 4.0 LE tamén é posible empregar o dispositivo móbil para localizar os lentes a través dunha especie de aplicación de radar, á vez que se perdemos o móbil tamén podemos empregar os lentes para facelo soar, e así atopalo cando estea nas nosas proximidades.
Pero o máis destacable destes lentes é sen dúbida o seu prezo de lanzamento a través de Indiegogo, que é duns 59 euros para a versión que inclúe só a montura e duns 79 euros de incluír lentes de sol (de cor verde ou azul espello). Cando as ION Glasses sexan un produto comercial o seu prezo estaría no contorno dos 100 euros, polo que a quen lle interese esta solución compénsalle acceder á mesma durante esta etapa de captación de financiamento que aínda durará un mes máis.

As ION Glasses son un desenvolvemento totalmente español


Vídeo de presentación das ION Glasses

PUBLICIDADE