Unha gaiola facilita gravacións de vídeo máis profesionais co móbil

martes, 29 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Dende Moment levan anos traballando na creación de obxectivos para smartphones, dotando aos nosos móbiles dunha maior versatilidade para a gravación de vídeo, e a incorporación de MagSafe nos iPhone levounos a reaccionar cunha chea de accesorios como micrófonos e fachos que poden engadirse dun xeito áxil e doado, pero agora levan o concepto un paso máis adiante coa Moment Mobile Filmmaker Cage, unha gaiola para cámaras que pode suxeitarse ao móbil mediante MagSafe e á que podemos conectar accesorios como micrófonos e fachos con formatos estándar á vez que suxeitar dun modo máis cómodo o teléfono durante as gravacións de vídeo, podendo así tirar un maior proveito dos populares obxectivos de Moment.
Esta interesante gaiola permite un agarre firme, fai doada a organización dos cables dos accesorios, pode colocarse de xeito seguro sobre unha superficie plana e pode adquirirse por 99 dólares. Aínda que a gaiola de Moment está deseñada para o iPhone, o seu fabricante tamén facilita a adquisición de fundas para móbiles que permiten o uso de accesorio para MagSafe en móbiles como o Pixel 6 e 6 Pro e os móbiles Samsung Galaxy S21 Ultra, S22, S22+ e S22 Ultra.

Vídeo no que amosan o Moment Mobile Filmmaker Cage

PUBLICIDADE