Unha xornada exporá exemplos coruñeses do sector dos contidos dixitais interactivos

venres, 17 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

O vindeiro día 28 ás 19:00 horas a sede de Afundación na Coruña será o escenario para a celebración do Coruña Digital LAB, unha iniciativa de Mundos Digitales que busca promocionar o sector local dos contidos dixitais interactivos para dinamizar e potenciar este tecido empresarial na cidade herculina.
Este encontro, para o que é preciso inscrición (de balde) para poder asistir, permitirá descubrir proxectos empresariais galegos como o estudio de animación Antaruxa (que pretende coller o relevo de Dygra), a compañía con proxección internacional Urbansimulations e o estudio de videoxogos Gato Salvaje.

Exemplo do traballo de Antaruxa

Brandán de Brano será o encargado de contar a historia de Antaruxa, o estudio de animación que quere nutrirse da canteira de creadores coruñeses que foron xurdindo ao redor de iniciativas como Mundos Digitales; Luis Rivero procurará dar conta das complexidades que foron xurdindo na aventura empresarial internacional de Urbansimulations; e dende Gato Studio explicarán o seu último proxecto: o videoxogo The Waylanders.

PUBLICIDADE