Uns filtros dotarán a pantallas ordinarias de tecnoloxía 3D sen lentes

mércores, 29 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Os filtros Pic3D estarán dispoñibles para iPhone

Que a tecnoloxía de visualización en 3D está principalmente lastrada polo feito de ter que empregar lentes para gozar da mesma é innegable, de aí que Nintendo decidise optar por unha pantalla autoestereoscópica na súa última consola portátil, e coñecendo o atractivo do 3D sen lentes, a compañía nipona Global Wave desenvolveu unha película especial que pode colocarse sobre unha pantalla LCD ordinaria para adaptala a esta revolucionaria tecnoloxía.
Esta orixinal solución chámase Pic3D e emprega un sistema de lentes lenticulares semellantes ao da 3DS, pero que chegará, posiblemente no mes de agosto, en varios tamaños: 12,1 polgadas (nun modo de pantalla de 1.280 x 800 píxeles), de 15,6 polgadas (1.366 x 768), 21,5 polgadas (1.920 x 1.080), 23 polgadas (1.920 x 1.080), e para o iPad 2 e o iPhone/iPod Touch.
Para poder gozar desta solución hai que contar cunha aplicación instalada no PC que poderá descargarse da web do fabricante dos filtros de pantalla (e que tamén preparará unha versión para iOS) de xeito que os vídeos en formato 3D con imaxes paralelas horizontalmente (dos que hai unha nutrida colección en servizos como YouTube) poderán gozarse en 3D sen lentes especiais.
Como vantaxe deste produto non estaría só a posibilidade de adaptar equipos existentes, senón tamén no seu prezo, pois agárdase que o filtro para iPhone custe só 2.000 iens (17,12 euros), mentres que os de 23 polgadas poderían chegar aos 14.500 iens (124,12 euros).


Vídeo no que presentan a tecnoloxía Pic3D de Global Wave

Esta solución tecnolóxica estará dispoñible para monitores, iPad 2 e iPhone/iPod Touch

PUBLICIDADE