Urbanismo en Rede fai a súa parada obrigada en Vigo

martes, 23 de xuño do 2009 Raquel Noya

A Coruña, Abegondo, Lugo e agora tamén Vigo, son as localidades galegas que, na súa teima por introducirse de cheo na Sociedade da Información e poñer a disposición dos seus veciños e veciñas todo tipo de ferramentas tecnolóxicas que faciliten a comunicación coa administración local, adheríronse xa ao programa Urbanismo en Rede, dos Ministerios de Industria e Vivenda.
A última destas cidades en incorporarse á iniciativa, Vigo, fíxoo esta mesma mañá, da man de Delfín Fernández Álvarez, subdelegado de Goberno en Pontevedra, María Fernández Rancaño, xerente de Administración Electrónica de red.es e Julia Chamosa Martín, xerente de Urbanismo do Concello de Vigo, os cales, entre outros representantes de entidades relacionadas coa xestión urbanística de Galicia, presentaron o Programa Urbanismo en red perante os alí presentes.
Durante a xornada, tamén participou Oscar Luís Peña Sánchez, xefe de Planeamento da Área de Urbanismo do Concello de A Coruña, quen explicou a experiencia do seu municipio como un dos primeiros en poñer en marcha o programa.
Urbanismo en rede é froito dun convenio marco entre os Ministerios de Industria e de Vivenda para a incorporación das TIC no ámbito urbanístico municipal con un triple obxectivo: dar resposta a unha demanda social de transparencia (mediante a publicación por Internet dos plans urbanísticos), fomentar a interoperatibilidade entre administracións (a través de servizos web) e mellorar a eficiencia na xestión introducindo ferramentas que faciliten a operativa dos técnicos municipais.
A iniciativa, que prevé un investimento de 57 millóns de euros para o periodo 2009-2012, permite que os cidadáns poidan consultar a información urbanística da súa cidade de maneira doada, rápida e intuitiva, a través de Internet. Por outra parte, permítelle aos concellos ofrecer información actualizada do planeamento urbanístico vixente en cada momento, así como levar a cabo a vectorización e sistematización do planeamento urbanístico, a posta en marcha do equipamento e as aplicacións informáticas que dan soporte á explotación e visualización da información e a capacitación dos técnicos municipais.

Vantaxes para os cidadáns
Grazas a esta nova ferramenta, os vigueses poderán obter información urbanística de forma inmediata e personalizada a través da páxina web do Concello. A nova aplicación permite acceder á información de dúas maneiras: facendo clic directamente sobre o mapa na zona que desexen ou introducindo datos concretos referidos ao planeamento do seu interese: distrito postal, referencia catastral, código urbanístico, coordenadas físicas ou o nome da zona a consultar.
A web mostraralle ao usuario todos os niveis de información dispoñibles sobre a parcela ou área do seu interese: clasificación, categorías do planeamento e calificación do chan, e permitiralle descargar a ficha urbanística completa.
Asemade, a información compleméntase con outros datos de grande utilidade como a información catastral e novas funcionalidades que se irán engadindo paseniñamente.

PUBLICIDADE