VIZIO integra Google Cast nos seus novos televisores

martes, 22 de marzo do 2016 Marcus Fernández

O fabricante norteamericano de televisores VIZIO anunciou hoxe VIZIO SmartCast, que presume de ser un ecosistema de lecer conectado de nova xeración que chegará a pantallas, barras de son e altofalantes autónomos, e que vai estrearse na liña de televisores Serie-P, que non só teñen paneis ultra alta definición con HDR, senón que tamén integrarán a tecnoloxía de Google Cast.
Estes novos televisores controlaranse coa aplicación VIZIO SmartCast, que estará preinstalada nunha tableta Android incluída que conta cunha pantalla Full HD de 6 polgadas (así como un procesador de 8 núcleos, Lollipop, altofalantes estéreo e 16 GB de almacenamento interno), estando dispoñible esta tecnoloxía para pantallas que parten das 50 polgadas e un prezo de 999,99 dólares. Loxicamente, ao estarmos ante unha solución baseada en dispositivos móbiles, non será preciso que empreguemos o mando específico do televisor, senón que tamén podemos converter case calquera smartphone ou tableta con Android ou iOS instalando a aplicación de VIZIOI SmartCast, o que simplificará a navegación entre contidos.
Pero a incorporación de Google Cast parece que será o factor realmente diferenciador destes novos televisores, xa que fai extremadamente doada a reprodución de contidos en liña no televisor. Deste xeito, se estamos a movernos pola aplicación de Netflix, só teremos que premer o botón de Google Cast na aplicación para que a película ou o episodio da serie de televisión que queiramos ver apareza directamente no televisor, o que tamén poderemos facer con moitas outras aplicacións compatibles como YouTube ou Google Play Music, sendo tamén posible o facer espello dunha pestana do navegador web Chrome para ver páxinas web no televisor.
Os primeiros televisores de VIZIO en incluír esta tecnoloxía serían os VIZIO SmartCast P-Series Ultra HD HDR Home Theater Display de 50, 55, 65 e 75 polgadas, que terán prezos de 999,99, 1.299,99, 1.999,99 e 3.799,99 dólares.

Tamén altofalantes

Adicionalmente VIZIO tamén está a preparar o lanzamento dos VIZIO SmartCast Crave WiFi Speakers e as VIZIO SmartCast Sound Bars, ou sexa, altofalantes sen fíos cos que tamén poderemos facer uso da tecnoloxía de streaming de Google para achegarlle contidos de plataformas como Google Play Music ou Spotify, que pode resultar especialmente atractiva para instalacións domésticas nas que colocar varios altofalantes e busquemos a sincronización da reprodución facilitando a ambientación musical.

Google Cast = Chromecast

Cómpre destacar que Google Cast é a tecnoloxía que antes respondía ao nome de Chromecast, estando previsto que esta mesma semana se actualicen as aplicacións de iOS e Android para responder á nova marca (de xeito que Chromecast sería especificamente o dispositivo receptor de Google Cast comercializado por Google).

Vídeo promocional de VIZIO SmartCast

PUBLICIDADE