VOU Axenda, a aplicación sobre a vida cultural de Ourense, acadou xa 1.000 descargas

xoves, 24 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

A aplicación galega VOU Axenda, unha ferramenta participativa para estarmos ao tanto de todo o que acontece (cinema, música, teatro, exposicións, eventos deportivos e infantís, lecer, feiras) en Ourense, está a acadar importantes cifras de seguimento. Así nolo contan hoxe os responsábeis do desenvolvemento desta app, que acadou xa o fito das 1.000 descargas dende o mes de xaneiro. Esta cifra, engaden, “consolida á nosa plataforma como a mellor axenda para consultar a actividade cultural da cidade das Burgas en cernes da celebración da Capitalidade Cultural do Eixo Atlántico”. A aplicación en cuestión acadou na tenda Google Play unha puntuación de 4,7 sobre 5. Nas procuras co termo Ourense, aparece en primeiro lugar.
As devanditas 1.000 descargas, por certo, coinciden co número de usuarios rexistrados no sitio web do servizo (vouaxenda.com), un milleiro de usuarios, incluíndo promotores, bandas, salas de concertos, empresas, fundacións e cidadáns. Por outra banda, os creadores da axenda en liña sinalan que a día de hoxe, xa se difundiron dende a axenda máis de 6.000 actividades dende a súa data de lanzamento. A aplicación, dispoñíbel polo de agora para Android, ten o seu complemento e acubillo na devandita páxina web, que recolle e informa dende 2011 a oferta cultural de Ourense.
Como dixemos, a app informa de todo tipo de actividades de lecer e faino, en palabras do seus creadores, “dun xeito intuitivo e sinxelo, facilitando o filtrado por tipo de evento, lugar ou data no calendario”. Ademais, posibilita que compartamos as actividades cos nosos contactos nas redes sociais incluíndo aplicacións como Whatsapp ou Telegram. Segundo engaden, o contido da aplicación e da web é colaborativo, e dende a plataforma permítese aos usuarios e promotores subir o que queiran engadir á axenda, amosándose pouco despois tanto na axenda en liña como na app.
Estas ferramentas, unidas á celebración da Capitalidade Cultural do Eixo Atlántico, están a acadar que medre o interese por Ourense na Rede e nas canles 2.0, axudando a consolidar a cidade galega, informan os responsábeis de VOU Axenda, “como destino turístico e cultural, cousa que se viu confirmada os días pasados coas importantes cifras de visitas rexistradas durante a celebración de Semana Santa”.

PUBLICIDADE