Valve presenta un casco de realidade virtual de alta gama

martes, 30 de abril do 2019 Marcus Fernández

Os cascos de realidade virtual orientados aos equipos informáticos eran principalmente de Oculus, HTC e a plataforma compartida por varios fabricantes co apoio de Microsoft, pero todo este hardware rematou sendo compatible con Steam, a plataforma de xogos de Valve, o que levou a esta compañía a ousar a lanzar unha solución de hardware de seu, Valve Index, que poderase reservar a partires de mañá para saír á venda oficialmente o 28 de xuño.
Este hardware compatible con SteamVR (e tamén co resto de xogos de Steam) está composto por un visor de realidade virtual con auriculares integrados, un par de mandos para as mans e un par de estacións base SteamVR 2.0, custando este lote completo 1.079 euros, o que semella unha proposta un tanto arriscada, xa que estes días sairá á venda o visor Oculus Rift S por 449 euros.
Cómpre salientar que Valve aposta pola alta fidelidade das experiencias virtuais, unha grande calidade de imaxe e son, un casco o máis cómodo posible, uns mandos igualmente confortables nun uso prolongado e unhas estacións base que, pese a facer a instalación máis complicada, prometen un recoñecemento do momento máis fiable. Amais, Valve Index terá unha velocidade de refresco de até 144 Hz e un campo de visión de 130 graos, de xeito que claramente ofrecería unha experiencia superior á que temos visto até o momento, buscando competir directamente con HTC Vive Pro (que custa 1.399 euros no seu lote completo) e non cos cascos de VR máis económicos.

PUBLICIDADE