Varias empresas galegas comprobaron as vantaxes dun CPD intelixente

mércores, 21 de marzo do 2012 Raquel Noya

A empresa CIE Tecnologías, con sede en Arteixo, presentou hoxe no Centro Demostrador TIC de Galicia a súa solución de data centers completamente monitorizados, que segundo afirman, “reducen o consumo de enerxía eléctrica en máis dun 50% e aumentan a duración dos equipos en torno ao 40%”.
A xornada demostradora serviu para mostrarlle aos asistentes que a información dixital que manexan nas súas empresas é cada vez maior, e que, se ben proporciona vantaxes de xestión enormes, “implica tamén un risco se non se dispón dun centro de datos dimensionado e adaptado ás necesidades da organización”.
Durante o seminario, que levaba por nome Intelligent Data Centers, tamén se abordaron as vantaxes de ter un centro de datos intelixente e deseñado á carta nas empresas, que ademais das anteriores vantaxes, “permite aforrar espazo físico de almacenamento”.
As cifras foron aportadas por Ángel Santín, director comercial de CIE TECNOLOGÍAS e coordinador do seminario, quen a maiores apuntou un dato para ilustrar a importancia de planificar o consumo enerxético destas instalacións, dixo textualmente que “se calcula que en 2020, a enerxía necesaria para manter a nube dixital será superior ao consumo de Francia, Alemaña, Brasil e Canadá xuntos, nas nosas empresas o crecemento do gasto enerxético será igual de exponencial se non o planificamos”.
Outra característica dos CPD intelixentes é que o seu funcionamento está completamente monitorizado, con protocolos de actuación automatizados que minimizan os danos dun posible fallo e permiten aforrar recursos materiais e humanos.
A este primeiro seminario sobre centros de datos intelixentes celebrado en Galicia acudiron representantes de empresas e institucións como R, Inditex, GOC, Sykes Enterprises, Retegal, Freire Hnos, Armada Española, as tres Universidades galegas e o Hospital de Santiago (CHUS, entre outras.
Segundo a organización, tódalas persoas asistentes “mostraron un gran interese” nas vantaxes da monitorización dos seus centros de datos e as posibilidades de aforrar recursos mellorando un dispositivo básico para empresas de calquera sector.
Despois da presentación visitouse un dos poucos centros de datos intelixentes que existen en Galicia, implantado por CIE Tecnologías para unha empresa punteira dedicada aos servizos de telefonía móbil.

PUBLICIDADE