Varios mini-ordenadores preparan chegar ao mercado de cara ao lanzamento de Windows 10

xoves, 4 de xuño do 2015 Marcus Fernández

O lanzamento de Windows 10 vai chegar con numerosos equipos informáticos bastante sorprendentes, que tirarán proveito das novas prestacións do futuro sistema operativo de Microsoft, dos que moitos están a amosarse estes días no Computex de Taipei, entre os que están a chamar a atención un par de equipos de reducidas dimensións: O Quanta Computer Plug e o FoxConn Kangaroo.
O Quanta Computer Plug sería un mini-ordenador, que en vez de optar polo formato de stick HDMI como fan outros fabricantes, sitúa os seus compoñentes no enchufe co que se conecta á rede eléctrica, dando a impresión de que se trata dun transformador, cando en realidade é un ordenador que pode conectarse a un televisor ou monitor por HDMI, que integra un par de portos USB, e que tamén ten conectividade Bluetooth, facilitando así o seu uso con mandos sen fíos e incluso o aproveitamento de Cortana, por exemplo, como unha solución audiovisual (sería posible dar ordes de voz a este equipo no salón, achegando un control sen mans á reprodución multimedia).
Este curioso trebello de Quanta integraría un procesador Intel Bay Trail T-CR SoC (Z3735F7), 2 GB De RAM e 64 GB de almacenamento interno, prestacións máis que suficientes para un equipo informático básico, e que incluso superaría en prestacións a algunha tableta con Windows 10, polo que debería ser dabondo para navegar pola web, reproducir contidos multimedia e incluso labores ofimáticas ocasionais.
Na mesma liña estaría o FoxConn Kangaroo, que ten un formato máis tradicional, xa que presentaríase simplemente como un equipo moi compacto, que incluso sería doado de instalar na parte traseira dun monitor para convertelo nun equipo todo-en-un, pero que como prestacións interesantes ten que integra un lector de pegadas dixitais (para ser compatible con Windows Hello) e unha batería cunha autonomía de até 6 horas.

PUBLICIDADE