Venden no Brasil un clon da Master System de SEGA

luns, 11 de agosto do 2008 Marcus Fernández

A consola de 8 bits Master System de SEGA parece unha reliquia do pasado, pero o fabricante brasileiro Tec Toy ten licenciado o seu propio clon, e vén de renovar a súa aparencia exterior, de xeito que nos vindeiros días se poderá mercar por 239 reais (uns 98 euros) a nova Master System 3, que destaca por incluír 131 xogos precargados na consola con clásicos coma Sonic, Alex Kidd, Altered Beast, Golden Axe, Shinobi, Rastan Saga, Bubble Bobble, Columns ou Kung Fu Kid.
A Master System 3 presenta unha carcasa bastante atractiva, mide 26,1 x 5,4 x 17,2 centímetros, pesa 851 gramos, inclúe 2 mandos e funciona baixo a norma PAL-M. O seu prezo é un pouco elevado (aínda que é de agardar que se poida adquirir por uns 199 reais coma o seu modelo anterior), pero resulta unha boa solución tanto para nostálxicos como para pais que non queiran preocuparse de mercar máis xogos aos seus cativos durante meses (dada a ampla oferta de títulos incorporados de serie).

PUBLICIDADE