Videocámara Airis para gravar 30 imaxes por segundo en alta definición

luns, 17 de decembro do 2007 Raquel Noya

A empresa de informática e electrónica de consumo, Airis, vén de lanzar ó mercado a videocámara VC05HD, con capacidade para gravar, de xeito doado, até 30 imaxes por segundo en alta definición.
Este dispositivo conta cunha pantalla xiratoria de 270 graos TFT LCD 3” que permite ver o que se está a gravar dende calquera ángulo así como cun sensor de imaxes de 5,2 mpx, con interpolación a 11 mpx.
A nova VC05HD tamén dispón dun zoom dixital de 8 aumentos e grava as imaxes en alta definición (1280 x 720), o que permite un visionado coa máxima nitidez posible en televisións que sexan HD Ready.
O formato de gravación H.264, que é unha versión mellorada do MPEG4, ofrece unha maior capacidade de compresión, é dicir, que as gravacións ocupan menos espazo na memoria; esta característica, unida á capacidade de 8XB do seu lector de tarxetas, permite que a duración do gravado sexa moi elevada. Amais, inclúe unha memoria Flash interna de 64 MB e, ademais de vídeos, permite facer fotografías e gravar e reproducir sons en formato MP3.
As súas medidas son de 108x65x26 mm e distribúese con batería de litio recargable de longa duración.
O prezo desta videocámara de alta definición no mercado é de 199 euros (IVE incluído).

PUBLICIDADE