ViewSonic presentará novos produtos no Mobile World Congress

venres, 11 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

ViewSonic anunciou un novo teléfono móbil co sistema operativo Android do dobre SIM e un tablet con pantalla de 10 polgadas, que poderán verse a vindeira semana no Mobile World Congress de Barcelona.
O ViewSonic V350 conta cunha pantalla de 3,5 polgadas, funciona co sistema operativo Android 2.2 e coa súa capacidade dual SIM pode operar con dúas redes de telefonía simultaneamente, o que resulta especialmente atractivo para usuarios que queren empregar nun mesmo terminal as súa liña de voz persoal e a profesional. Tamén conta con cámara de 5 Mpíxeles, Wi-Fi, Bluetooth 2.1 e A-GPS.
O ViewPad 10Pro é un dos tablets deste mesmo fabricante, que incrementa o seu tamaño de pantalla ata as 10 polgadas (cunha resolucíón de 1.024 x 600 píxeles), que sorprende por contar coa capacidade de arranque dual, de xeito que podemos elixir se operalo con Windows 7 Professional ou Android 2.2. Tamén conta con 3G, Wi-Fi, Bluetooth e unha batería cunha autonomía dunhas 6 horas.

PUBLICIDADE