Virtua Fighter 5 Final Showdown chegará o mes que vén como título descargable

luns, 14 de maio do 2012 Marcus Fernández

SEGA anuncia que dende o vindeiro 6 de xuño estará dispoñible para a súa descarga o xogo Virtua Fighter 5 Final Showdown a un prezo de 12,99 euros na PlayStation Store e a 1.200 puntos Microsoft no Bazar de Xbox LIVE Arcade. Este título descargable achega ás consolas de videoxogos a última versión de máquinas recreativas de Virtua Fighter 5, engadindo 2 novos personaxes (Tara-Arashi de Virtua Fighter 3 e o novo Jean Kujo) e areas de combate dinámicas e interactivas (sinal de identidade da saga).
O xogo contará cun modo de adestramento, un modo de xogo en liña para 8 xogadores e a posibilidade de gravar combates para a súa repetición, gravación e posterior subida.
Para enriquecer esteticamente o xogo, inmediatamente co seu lanzamento estará dispoñible un contido descargable (a un prezo de 4,49 euros/400 puntos Microsoft) que inclúe entre 600 e 950 elementos de personalización para os 19 loitadores do xogo. Tamén lanzarán outros 2 paquetes de personalización de personaxes (para 9 e 10 loitadores respectivamente) que custarán 12,99 euros/1.200 puntos Microsoft cada un.


Trailer do xogo

O xogo contará dende o seu lanzamento con contidos descargables para personalizar os loitadores

PUBLICIDADE