Vitae axúdanos a crear aplicacións limpas para seren entendidas e melloradas

mércores, 13 de decembro do 2017 Fernando Sarasketa

Para moitos desenvolvedores, materializar un programa significa dúas cousas esencias: achegar algo útil á sociedade e estar cen por cen disposto a que algún dos integrantes desa sociedade se apunte a mellorar o programa orixinal. O problema xorde cando a falta de clarificación impide que a ferramenta resulta se entenda e se optimice en todos os seus aspectos. Segundo os expertos en técnicas áxiles e eficaces de desenvolvemento, escribir programas para seren comprendidos é unha arte difícil pero, tamén, unha obriga ineludíbel. Para axudarnos neste punto e adestrarnos no que seria o deseño transparente de programas, Vitae Consultores vén de convocar a segunda edición do seu curso Clean Code: Crear e refacer aplicacións limpas. O obradoiro, de dez horas de duración, celebrarase os días 2 e 3 de febreiro do ano vindeiro no Hotel Attica 21 da Coruña.
En termos xerais, serviranos para ampliar ao máximo o noso coñecemento sobre técnicas de código limpo, recursos que, segundo informa Vitae, “axudan a escribir programas sinxelos de entender, que achegan valor e que, ademais, poden evolucionar”.
A consultora, a propósito dos porqués deste curso, lembra que “programar é expresar procesos con detalle nunha linguaxe non ambigua, feita, coma calquera linguaxe, para comunicar verbalmente ou textualmente”. Vitae engade que “ao escribir cómpre pensar no lector, sobre todo porque, en moitas ocasións, os lectores imos ser nós mesmos”. Os obxectivos do obradoiro son, polo tanto, desenvolver aplicacións difíciles de manter, reducir a cantidade de erros e facilitar o seu achado e distinguir as boas e malas prácticas de programación.
O curso está dirixido sobre todo a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos. O requirimento principal é sermos usuarios de editores de código, recomendándose o VSCode. A actividade formativa terá unha duración de 10 horas e cun enfoque eminentemente práctico.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores. Entre as empresas e organismos que ten asesorado ou formado atópanse Tecnocom, ABANCA, Softek, GADISA, Inditex, Optare, Altia, Gradiant ou SIVSA.

PUBLICIDADE