Vitae expón as claves dunha selección ideal de profesionais TI

martes, 8 de xuño do 2021 S. P.

Vitae Consultores vai organizar a cabalo entre xuño e xullo a nova edición (a número 15) dunha actividade formativa moi indicada para facilitar o día a día das e dos responsábeis dos equipos humanos nas empresas tecnolóxicas e, tamén, das persoas encargadas dos departamentos de RR HH. O Curso Avaliación e Sección Avanzada de Perfís TI terá 15 horas de duración e celebrarase a través do formato de aula virtual, entre os días 29 de xuño e os días 1, 6, 8, 13 e 15 de xuño.
Segundo informa a consultora galega a respecto dos porqués desta demandada actividade formativa, que xa vai pola súa quince convocatoria, un dos problemas máis frecuentes cos que se atopan os profesionais de selección e avaliación de equipos humanos reside no baleiro formativo xeneralizado que existe en materia de ferramentas psicolóxicas básicas para avaliar a un profesional. “Isto leva a que todo o modelo de estimación falle, pois falla a base, é dicir, quen avalía non foi formado nin capacitado para tal fin”, explican dende Vitae, engadindo que o primeiro paso para calibrar o perfil dun profesional é o autocoñecemento. En base a isto, “coñecernos a nós mesmos é clave para lograr a meirande obxectividade na avaliación das candidatas e candidatos”.
Neste curso proporcionaranse estas ferramentas para o autocoñecemento profesional e para a avaliación doutros profesionais sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño que se use. Amais, achegarase aos participantes a metodoloxías e ferramentas coas “que xa se conseguiron porcentaxes de éxito de máis do 90% en materia de selección de perfís TI (Tecnoloxías da Información), incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

PUBLICIDADE