Vitae móstranos no seu curso sobre testing as múltiples vantaxes das probas informáticas

mércores, 20 de outubro do 2021 S. P.

Vitae Consultores organiza os días vindeiros a novena edición do seu Curso de Fundamentos en Testing. Serán dezaseis de formación, a desenvolver os días 15, 16, 18 e 19 de novembro a través da aula virtual da consultora galega. Este curso preséntase como unha boa oportunidade para integrarmos da maneira máis eficaz o rendíbel o hábito das probas en todos os os elos da cadea do desenvolvemento informático, unha práctica que Vitae cualifica de crucial para garantir os mellores resultados nos proxectos que acometamos.
As vantaxes da “fase de probas” son múltiples e inimaxinábeis, e comparten todas elas o mesmo alicerce: garantir a máxima excelencia para un produto. Porén, fan falta recursos que axuden a integrar estas metodoloxías e, tamén, que contribúan a superar a mala sona que arrastran nos ámbitos profesionais, xa que se soen considerar un lastre na dinámica de traballo tecnolóxico. Aí entra en xogo a nova edición (a novena) do Curso de Fundamentos en Testing que organiza novamente Vitae Consultores.
Servirá, nun plano máis detallado, para capacitar aos asistentes no dominio de recursos que optimicen os seus proxectos, adestrándoos en metodoloxías útiles para transformar ferramentas desenvolvidas para sacar un aprobado en ferramentas feitas para obter un notábel ou mesmo un sobresaliente.
O curso, un achegamento integral aos coñecementos e ferramentas precisas para asegurar o factor calidade na creación de programas, subministra a opción de Certificación en Fundamentos de Testing polo programa de certificación ISTQB (International Software Testing Qualifications Board), que é o estándar mundial para avaliadores de programas informáticos.
Segundo explican dende a academia Vitae Consultores, a finalidade desta acción formativa é proporcionar os procedementos e métodos de meirande relevancia actual para capacitar aos asistentes na xestión, na planificación, no deseño e na execución de probas de software coa meirande eficacia. Desta maneira, os profesionais que participen no obradoiro terán “a oportunidade de entender os conceptos clave das probas de software, asegurar un alicerce sólido para o medre profesional na área e comprender as técnicas básicas de validación de programas”, engade Vitae.
O curso está dirixido a profesionais da actividade de probas, como testers, analistas e enxeñeiros de probas, así como responsábeis de calidade de software. Tamén se encamiña a profesionais que desexen acadar unha visión avanzada e integral dos procesos de avaliación, como xefes de proxectos, analistas de negocio, xerentes, consultores TI e programadores.
A persoa encargada de impartir todos estes contidos será Aurelio Gandarillas, enxeñeiro en Informática e enxeñeiro técnico industrial en Electrónica, con máis de 25 anos de experiencia no sector das novas tecnoloxías da información e máis dunha ducia de anos como consultor e formador nos eidos do deseño, a implantación e a mellora dos procesos de desenvolvemento e calidade do software.

PUBLICIDADE