Vitae móstranos nun novo curso as mellores técnicas científicas para a xestión de persoal
martes, 6 de xuño do 2023
Vitae
vainos achegar un verán completo de actividades formativas para
comezar o vindeiro curso con recursos plenamente actualizados.
No extenso paquete de propostas que a consultora galega pon a
disposición das e dos profesionais TIC atopamos unha actividade que
sitúa o punto de mira nos equipos humanos e en como formar os
mellores cadros de persoas nunha empresa. Trátase do novo curso
People
Analytics. A arte de xestionar persoas convertida en Ciencia, de
seis horas de duración. Celebrarase en dúas xornadas, os días 28 e
29 de xuño, en formado de aula virtual en directo.
O
curso vai dirixido a solucionar unha eiva informativa nas empresas: a
ausencia de datos de calidade sobre as persoas no ámbito
empresarial, non así de ámbitos como finanzas, mercadotecnia,
vendas, operacións. “Temos moito coñecemento sobre as persoas en
calquera organización, pero non podemos afirmar con rotundidade que
estes datos nos permitan coñecer en profundidade o talento co que
conta unha empresa”, explica Vitae, engadindo que “sen ben os
negocios, grazas ao traballo cos datos e o seu tratamento, chegaron a
niveis de sofisticación moi altos, non acontece así con todo o
relacionado coa xestión das persoas, xa que seguimos ancorados no
pasado, en capas que nos permiten explican á perfección o presente
e o pasado, pero con escasa capacidade de predicir o que vai pasar ou
non nunha organización en base ao tipo de talento co que conta”.
Na
presentación deste curso faise saber que “é hora de comezar a
pensar en como converter ás persoas nunha verdadeira panca
estratéxica e non meramente operativa”. E engádese: “É o intre
de transformar a xestión das persoas nunha ciencia e abandonar a
intuición e o azar co que manexamos todo o relacionado coas persoas
nas compañías”.
O
obxectivo do curso é achegar marcos teóricos e metodoloxías que
“nos permitan medir e entender o impacto que o comportamento humano
ten nas organizacións, así como desenvolver un pensamento
científico e estratéxico sobre a función”.
A
persoa encargada de impartir estes contidos será Alberto Rodríguez,
licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, mestrado en
Recursos Humanos, MBA, e adestrador profesional executivo certificado
por AECOP. É profesor asociado en varias escolas de negocio e
universidades.