Vitae ofrécenos en outubro a 3ª edición do seu curso de Clean Code Avanzado (principios do deseño)

martes, 20 de setembro do 2022 S. P.

Chega o outono e nada mellor que retomar o fío da formación e a innovación que se cadra algúns de nós deixamos esquecido co inicio do verán. Vitae Consultores segue a ser un referente óptimo neste ámbito da capacitación continua, achegando propostas como a terceira edición do seu Curso Clean Code Avanzado: principios e patróns de deseño. Celebrase en formato de aula virtual os días 17, 19, 24 e 27 de outubro. Trátase dunha oportunidade inmellorábel para afinar instrumentos e metodoloxías en materia de desenvolvemento, desprendéndonos de todo aquilo que poida escurecer a claridade, a sinxeleza e a eficacia dos nosos produtos tecnolóxicos. Serán 12 horas de formación.
O miolo da actividade son os beneficios que reporta a un profesional a práctica do bo deseño. “Un bo deseño axúdanos sempre a crear bo software, ou sexa, programas doados de manter a longo prazo”, destacan dende Vitae, engadindo que se ben a análise e o deseño de arquitecturas limpas son sen dúbida tarefas complexas, non parten dende cero: “Podemos mellorar a nosa produtividade e calidade dos nosos produtos aplicando principios fundamentais e patróns de deseño xa probados. Os obxectivos do curso son os seguintes: por unha banda coñecer os principios fundamentais da programación robusta e, pola outra, aplicar os patróns de deseño máis axeitados durante o desenvolvemento.
O curso está dirixido principalmente a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos. Terá unha duración de 12 horas cun “enfoque eminentemente práctico”. A persoa encargada de impartir os contidos será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE