Vitae organiza un novo obradoiro sobre as mellores técnicas para asegurar un código clarificado

martes, 19 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Todos os procesos de desenvolvemento dun programa deben ser claros, simples, sinxelos e comprensíbeis. Isto esténdese a todos os elos da cadea de produción da ferramenta, mesmo ao intre exacto en que unha idea comeza a materializarse, incluso antes. Segundo informa a consultora Vitae, que vai organizar os días vindeiros unha nova edición do seu curso Clean Code: Crear e refacer aplicacións limpas, nada do que desenvolvamos en materia informática chegará realmente a ser de utilidade (no máis amplo senso da palabra) se non é sinxelo e está clarificado. Asemade, non poderá ser mellorado por outros nin evolucionar no tempo.
O novo curso (sétima edición) celébrase o 16 e o 17 de decembro. Será novamente na Coruña e compoñerase de dez horas de formación lectiva.
A orixe da actividade formativa está na demanda crecente de técnicas áxiles e eficaces de desenvolvemento, recursos que nos axuden a escribir programas para seren comprendidos, facer simple o complexo. Para axudarnos neste punto e adestrarnos no que sería o deseño transparente de programas, Vitae Consultores vén de convocar a sétima edición do seu curso Clean Code: Crear e refacer aplicacións limpas. O obradoiro, de dez horas de duración, celebrarase os días 16 e 17 de decembro no Hotel Attica 21 da Coruña.
En termos xerais, serviranos para ampliar ao máximo o noso coñecemento sobre técnicas de código limpo, recursos que, segundo informa Vitae, “axudan a escribir programas sinxelos de entender, que achegan valor e que, ademais, poden evolucionar”.
A consultora, a propósito dos porqués deste curso, lembra que “programar é expresar procesos con detalle nunha linguaxe non ambigua, feita, coma calquera linguaxe, para comunicar verbalmente ou textualmente”. Vitae engade que “ao escribir cómpre pensar no lector, sobre todo porque, en moitas ocasións, os lectores imos ser nós mesmos”. Os obxectivos do obradoiro son, polo tanto, desenvolver aplicacións difíciles de manter, reducir a cantidade de erros e facilitar o seu achado e distinguir as boas e malas prácticas de programación.
O curso está dirixido sobre todo a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos. O requirimento principal é sermos usuarios de editores de código, recomendándose o VSCode.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores. Entre as empresas e organismos que ten asesorado ou formado atópanse Tecnocom, Abanca, Softek, GADISA, Inditex, Optare, Altia, Gradiant ou SIVSA.

PUBLICIDADE