Vodafone e Deloitte acelerarán a dixitalización da sanidade en Europa

mércores, 20 de outubro do 2021 S. P.

Vodafone vén de anunciar unha alianza estratéxica con Deloitte en materia de eSaúde. O acordo diríxese a favorecer a adopción de servizos sanitarios conectados co lanzamento do Centro para a Saúde de Vodafone, un centro virtual especializado que combinará as solucións de conectividade eHealth da operadora coa experiencia en consultoría sanitaria de Deloitte. O obxectivo: “Que moitas máis persoas teñan acceso aos servizos sanitarios cando e onde o necesiten”, sinalan as dúas empresas.
Con esta alianza, engaden, unificarase o traballo de expertos en dixitalización, tecnoloxía e atención sanitaria das dúas organizacións co fin de “simplificar o acceso aos servizos de saúde conectados e a solucións máis eficientes para pacientes e persoal sanitario”. Isto, din, materializarase nun contexto de postpandemia que deixou clara a importancia da conectividade no fornecemento de servizos crítico. Neste senso, Vodafone lembra os resultados dunha enquisa recente de seu na que se revelaba que o 92% dos cidadáns europeos considera que o sector sanitario necesita a axuda urxente do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea. Ao fío disto, a operadora fai saber que o Centro para a Saúde de Vodafone en colaboración con Deloitte “pode acelerar o devandito soporte mediante a innovación e mellora da dixitalización da atención sanitaria nos hospitais, na comunidade e nos fogares”.
Neste sentido, a compañía de telecomunicacións tamén fai saber que o Centro para a Saúde de Vodafone en colaboración con Deloitte está aliñado coa Estratexia de Saúde Dixital do Sistema Nacional de Saúde na que traballa actualmente o Ministerio de Sanidade, e na que unha das grandes liñas de actuación é o desenvolvemento de servizos sanitarios dixitais orientados ás persoas, ás organizacións e aos procesos que integran o sistema de protección da saúde.
Colman Deegan, director executivo de Vodafone España explicou o seguinte: “Vodafone está encantada de colaborar con Deloitte no uso das nosas solucións dixitais que poden transformar as sociedades nas que prestamos servizos. Como provedora de conectividade dixital e conforme ao noso propósito de facer posíbel unha sociedade dixital inclusiva e sustentábel, a experiencia da nosa empresa pode axudar aos sistemas sanitarios a prestar máis servizos vitais aos pacientes no momento e no lugar que o soliciten, xa sexa a través de telemedicina, consultas médicas virtuais ou solucións a distancia”.

PUBLICIDADE