Vodafone participa na primeira demostración mundial de SIM integrada (iSIM) en smartphones
xoves, 20 de xaneiro do 2022
A
operadora
Vodafone, Qualcomm Technologies e Thales veñen de realizar a que
sería primeira demostración mundial dun smartphone con iSIM
(tecnoloxía baseada na especificación ieUICC1 da GSMA), unha
novidade que permite integrar a funcionalidade dun cartón SIM no
procesador principal dun dispositivo. “Este fito”, explica
Vodafone, “achanda o camiño para a comercialización da
tecnoloxía, que podería implementarse en novos dispositivos que
utilizarán iSIM para conectarse a servizos móbiles”.
A
iSIM integra a funcionalidade SIM no procesador principal do
dispositivo, o que permite “unha maior integración do sistema, un
maior rendemento e unha maior capacidade de memoria”, informa a
operadora, engadindo que “esta tecnoloxía é a última evolución
da tecnoloxía SIM na que as eSIM están integradas nos
dispositivos”. Con todo, se ben a eSIM require un chip separado,
isto soluciónase coa iSIM, onde se elimina a necesidade dun espazo
dedicado asignado aos servizos SIM. “A tecnoloxía iSIM é unha
evolución significativa das solucións eSIM existentes e brinda
beneficios masivos tanto aos consumidores como aos operadores de
telecomunicacións, facilitando que os servizos móbiles sexan
integrados en dispositivos máis aló do teléfono móbil, levando a
experiencia móbil a computadores portátiles, tabletas, plataformas
de Realidade Virtual, dispositivos IoT (Internet das Cousas),
carrexábeis (wearables)
e máis”, engaden fontes da operadora de telecomunicacións,
engadindo que “a iSIM está integrada no procesador de aplicacións
do dispositivo achegando múltiples beneficios”. Por exemplo os
seguintes:
-Simplifica
e mellora o deseño e o rendemento do dispositivo ao liberar o espazo
que antes ocupaba dentro do terminal.
-Consolida
a funcionalidade SIM no conxunto de chips principal do dispositivo
xunto con outras capacidades críticas como GPU, CPU e módem.
-Permite
a provisión a distancia da SIM por parte do operador aproveitando a
infraestrutura eSIM existente.
-Abre
capacidades de conexión de servizos móbiles a unha gran cantidade
de dispositivos que anteriormente non podían ter capacidades SIM
integradas.