Vodafone trae o Nexus S a España

luns, 14 de marzo do 2011 Marcus Fernández

O Nexus One de Google pásalle o relevo ao seu irmán, o Nexus S, en España, pois Vodafone vén de presentar este novo terminal que distribuirá en exclusiva ata finais do mes de maio, estando dispoñible a prezos bastante atractivos (entre 0 e 279 euros con portabilidade/alta cun compromiso de permanencia de 18 meses con tarifa de datos no caso de clientes particulares). O terminal tamén está dispoñible a través do programa de puntos da compañía.
O Nexus S de Google conta cun procesador a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 16 Gb de almacenamento, Android 2.3, pantalla SLCD capacitiva de 4 polgadas cunha resolución de 480 x 800 píxeles, cámara de 5 Mpíxeles con flash LED, GPS, NFC, unhas medidas de 124,75 x 63 x 11,72 milímetros e un peso de 127 gramos. Estariamos así ante un móbil que podería considerarse como unha versión modificada do Samsung Galaxy S á que se incorporou tecnoloxía NFC (pensada principalmente para realizar pagamentos co móbil), quedando como un dispositivo que pese a ser considerado como un referente por parte de Google, está a ser superado por numerosos terminais con Android que puideron verse hai poucas semanas no Mobile World Congress de Barcelona.
Ao parecer, este terminal chegará ao mercado cunhas condicións semellantes ás do Nexus One, de xeito que, pese a venderse cun compromiso de permanencia, as unidades distribuídas non contarían con bloqueo de operador (ou sexa, serían libres).

PUBLICIDADE