Vodafone traerá a España as lentes de realidade aumentada Nreal Light

xoves, 3 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Dende Nreal levan anos apostando pola realidade aumentada de cara ao mercado de consumo, chegando a fabricar unhas lentes lixeiras e económicas que ao longo do presente ano levaron aos mercados xaponés e surcoreano da man de distintas operadoras de telecomunicacións, e na vindeira primavera chegarán tamén a Alemaña e España grazas a un acordo con Vodafone, compañía que venderá as lentes Nreal Light como un xeito de ofrecer experiencias de realidade aumentada e realidade mixta aproveitando as posibilidades da 5G.
As lentes Nreal Light proxectan unha pantalla xigante fronte aos ollos do usuario, correndo os contidos presentados pola conta dun smartphone de última xeración conectado por USB-C, de xeito que consegue ser unha solución relativamente económica. As lentes fan uso da realidade aumentada para poder presentar aplicacións correndo nunha especie de pantalla xigante transparente, mentres que con aplicacións de realidade mixta poden amosar contido dixital sobre o noso contorno visible, combinando o mundo real co contido dixitais, permitindo que o usuario interactúe con obxectos virtuais en 3D.
Ao estarmos ante unha solución que proxecta unha grande pantalla virtual os usuarios poden correr até 3 aplicacións de xeito simultáneo, facilitando o consumo audiovisual, o acceso a redes sociais, a visualización de fotografías ou incluso a utilización de ferramentas ofimáticas, achegando unha experiencia única que serve de anticipo do que estas tecnoloxías ofrecerán no futuro, para o que resulta crucial que vaian desenvolvéndose aplicacións que exploren as moitas posibilidades e a reacción dos usuarios.
Actualmente as Nreal Light véndense no Xapón e en Corea do Sur por algo máis de 520-550 euros recomendándose o seu uso con smartphones como o Samsung Galaxy Note 20/20 Ultra, o Galaxy Z Fold 2, o LG V50/V50S ou o LG Wing, aínda que no momento no que cheguen as lentes a Europa o máis natural sería que se promocionasen con algúns dos móbiles insignia de comezos de 2021, como posiblemente o Samsung Galaxy S21.

PUBLICIDADE