Vodafone venderá tablets con marca de seu

luns, 5 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Co gallo do IFA de Berlin a operadora Vodafone sorprendeu anunciando (polo momento en Alemaña) que vai comercializar un par de tablets que responderían ao nome de Vodafone Smart Tab e que chegarían no outono en tamaños de 7 e 10 polgadas.
Estes dispositivos contarán co sistema operativo Android 3.2, procesadores Qualcomm de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb e conectividade Wi-Fi e HSDPA de ata 14,4/5,76 Mbps.
No caso do Vodafone Smart Tab 7 teriamos un dispositivo de 11,4 milímetros de grosor e 391 gramos de peso, mentres que o Vodafone Smart Tab 10 non só tería unha pantalla de maior tamaño (ambos trebellos cunha resolución de pantalla de 1.280 x 800 píxeles), senón que tamén incluiría cámaras de 5 e 2 Mpíxeles.
Estes dispositivos poderían ser versións modificadas do Huawei MediaPad e estar dispoñibles nos países europeos nos que Vodafone ten presenza a prezos que partirían de 399 euros.

PUBLICIDADE