Vodafone venderá un novo móbil con Facebook

mércores, 27 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Para aproveitar o pulo de Facebook, Vodafone incorpora ao seu catálogo de terminais de prepagamento un móbil fabricado por TCL que está pensado para acceder de xeito áxil á plataforma social creada por Mark Zuckerberg, tanto dende a súa páxina se inicio como a través dun botón de atallo que inclúe o seu teclado QWERTY.
O Vodafone 55 Blue facilita tanto a actualización do noso estado en Facebook, como o acceso aos nosos contactos ou a comunicación cos mesmos, aínda que non conta con grandes prestacións (o que permitirá a súa adquisición a un prezo económico). O terminal permite mandar SMS e MMS, ten conectividade 2.5G, Bluetooth 2.1 e micro USB 2.0, radio FM, pantalla de 2,4 polgadas, 40 Mb de memoria interna ampliable mediante tarxetas SD de ata 16 Gb, cámara de 2 Mpíxeles, toma de auriculares estándar (pode reproducir formatos multimedia como MP3, AAC, WMA e MPEG-4) e a nivel de software ten, aparte da integración de Facebook en varios niveis, o paquete de chal Palringo (compatible con Google Talk, iChat, o chat de Facebook, XMPP, ICQ, gadu-gadu e AIM), lector de correo electrónico e o navegador web Opera Mini. Mide 110 x 61,1 x 12 milímetros e ten botóns de acendido e control de volume.

PUBLICIDADE