Volven, o 13 de decembro en Betanzos, os encontros tecnolóxico-rurais de #kedarteRedes

mércores, 18 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

O vindeiro 13 de decembro vaise celebrar a xuntanza tecnolóxico-rural #kedarteRedes2019, o encontro sobre cultura, arte e dinamización sociocultural. A cita será en Betanzos e xa está activa nas redes, facendo comunidade e mobilizando á participación. Será, en palabras da organización, un espazo de opinión sobre creatividade, cultura e rede e reactivación da Galicia non urbana, entre outras cuestións de interese para a nosa terra.
A nova edición de #kedarteRedes vén co obxectivo de facer fincapé nos obxectivos orixinais da actividade (buscar nexos comúns entre os devanditos ámbitos de expresión e comunicación, pondo o foco nas novas ferramentas tecnolóxicas e o seu poder de comunicación, convocatoria e colaboración) e tentar abranguer a máxima cantidade (e variedade) de proxectos culturais, artísticos, sociais, rurais e tecnolóxicos, etc. “Queremos achegar un lugar para compartir experiencias sobre a cultura en rede nun espazo aínda por determinar en Betanzos”, explican os organizadores, os membros da plataforma Latamuda, que queren pór o foco na necesidade de buscar alternativas “fronte á crise dos formatos tradicionais”, xerando ligazóns entre persoas que persigan obxectivos culturais semellantes e tirando proveito das dinámicas en rede para “informar, difundir e compartir”.
Para quen queira máis información sobre o iniciativa ou presentar propostas (até o 15 de novembro), hai unha páxina web activa (a da comunidade Latamuda) e máis unha ligazón para formalizar a inscrición.

PUBLICIDADE