WhatsApp estrea modo escuro

mércores, 22 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos meses son cada vez máis as aplicacións que adoptan a tendencia de presentar a opción de amosarse nun modo escuro, que pode resultar máis agradable á vista en certas condicións e aproveitar mellor a batería de móbiles con pantallas AMOLED, e dado que esta posibilidade está integrada no propio sistema operativo (en Android, a partires da versión 10) é só cuestión de tempo que case todas as aplicacións conten con este modo, sendo unha das máis esperadas WhatsApp, que esta noite estreou oficialmente o modo escuro na súa versión de proba.
Dende WhatsApp levan meses experimentado co modo escuro, de xeito que había trucos para poder activalo, pero finalmente só é preciso estar adherido ao programa de beta de WhatsApp para poder gozar do modo escuro, que pode activarse dende a configuración dos chats, sendo recomendable reasignar tamén o fondo para que sexa acorde á nova configuración de cores.
No caso de WhatsApp cómpre dar conta de que este modo escuro non é todo o escuro que sería desexable, pois non opta por un fondo en negro puro, que sería o que realmente suporía un grande aforro de enerxía (xa que nas pantallas AMOLED a cor negra conséguese apagando os píxeles, de xeito que temos unha opción que principalmente é estética, e que agradecerán especialmente os usuarios que estean en contornos con pouca iluminación (onde o fondo branco das aplicacións pode resultar molesto para a vista).
Tras á incorporación a WhatsApp Messenger (beta) é só cuestión de tempo (probablemente só uns días) que o modo escuro chegue á versión ordinaria da aplicación, que recibe actualizacións cunha frecuencia moi inferior (o que resulta moito máis cómodo para os usuarios).

PUBLICIDADE