WhatsApp mellora a súa privacidade

martes, 9 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Mark Zuckerberg adianta hoxe varias características que están a chegar a WhatsApp e que supoñen importantes avances en privicidade, que en grande medida viñan demandando os usuarios dende hai bastante tempo. Falamos, principalmente do feito de poder controlar quen pode ver cando un usuario está en liña, opción que podía configurarse anteriormente, pero que hai tempo desapareceu para deixar só configurar a visibilidade da última conexión, de xeito que calquera persoa que tivésemos na axenda podía ver cando estabamos a usar WhatsApp, o que resulta moi invasivo para a intimidade dos usuarios.
Outra novidade que tamén resultará moi benvida é que cando un usuario abandone un grupo non se notifique a ninguén, co que buscan que deixar un grupo no que non se quere participar non resulte violento.
A última das funcionalidades que está a espallarse estes días, e que sorprende que aínda a vaian introducir agora, é o bloqueo das capturas de pantalla nas mensaxes efémeras (se un contido se envía coa intención de que só poida verse unha vez, está claro que o remitente non quere que se poida gardar unha copia mediante unha captura de pantalla).
Adicionalmente WhatsApp tamén mudou un detalle nos últimos días: agora teremos 2 días para poder borrar as nosas mensaxes nas conversas.

PUBLICIDADE