WhatsApp para Android ofrece bloqueo mediante pegada dixital de xeito xeral

xoves, 31 de outubro do 2019 Marcus Fernández

O pasado verán WhatsApp introduciu nas súas versións de proba a posibilidade de gozar do bloqueo da aplicación mediante pegada dixital, impedindo así que miradas curiosas poidan acceder ao noso historial de conversas se teñen acceso ao noso dispositivo desbloqueado, e agora esta funcionalidade ábrese a todos os teléfonos con Android que conten con lector de pegadas dixitais.
Quen queira gozar deste tipo de bloqueo simplemente ten que acudir a Ajustes -> Cuenta -> Privacidad -> Bloqueo con huella dactilar e activar Desbloquear con huella dactilar. Esta funcionalidade permite logo elixir o tempo que agardará a aplicación en volver bloquearse (inmediatamente, despois dun minuto ou despois de 30 minutos) e tamén permite elixir se queremos que as notificacións de WhatsApp oculten os contidos das mensaxes recibidas.
No caso de iOS esta funcionalidade non só soporta pegada dixital, senón tamén identificación facial, algo que non acontece en Android, o que pode ser un problema para usuarios de dispositivos como os Pixel 4, que carecen de lector de pegadas.

PUBLICIDADE