WhatsApp permite enviar contidos que só poden verse unha vez

mércores, 4 de agosto do 2021 Marcus Fernández

O envío de fotografías e vídeo é unha das actividades máis frecuentes dos usuarios de WhatsApp, pasando estes contidos a incorporarse ao almacenamento do smartphone, algo que deixará de ser así se facemos uso dunha nova opción da aplicación de mensaxería, que tras varias semanas en probas faise oficial: contidos para ver só unha vez.
Agora, cando seleccionamos unha fotografía ou un vídeo en WhatsApp, aparécenos unha icona que presenta un número no centro, e que se prememos sobre a mesma activamos que o contido adxunto desapareza do dispositivo receptor tras a súa primeira visualización, ou sexa, que os contidos enviados sexan efémeros, o que resulta moi práctico para o envío de material que poida ser sensible.
Cando un usuario ve un contido recibido, este desaparecerá do seu dispositivo, e na conversa de WhatsApp aparecerá unha mensaxe indicando que o contido xa se abriu, dun xeito semellante a cando unha mensaxe é borrada remotamente pola persoa que a enviou (só que este borrado é automático).
Resulta bastante rechamante que decidisen integrar este tipo de mensaxes en WhatsApp, cando no Messenger leva máis de 4 anos, polo que non parece ser unha prestación moi demandada, e a única xustificación desta novidade podería ser a aproximación das distintas plataformas de mensaxería de Facebook.

PUBLICIDADE