Windows 10X, o sistema operativo para equipos portátiles con dobre pantalla

mércores, 2 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Actualmente Windows 10 está instalado en máis de 900 millóns de dispositivos, e dende Microsoft consideraron oportuno preparar unha variante deste sistema operativo, Windows 10X, deseñado para unha nova categoría de produtos: os ordenadores con dobre pantalla como o futuro Surface Neo (ao que acompañarán equipos de Asus, Dell, HP e Lenovo o ano que vén).
Non é a primeira vez que Microsoft experimenta con equipos portátiles con dúas pantallas, pero desta volta quere ofrecer unha experiencia de uso moi flexible, de aí que decidisen traballar en Windows 10X como unha solución para que podamos tomar notas nunha pantalla mentres lemos un documento na outra, ou simplemente para conseguir unha experiencia máis produtiva en mobilidade, de xeito que poderemos participar nunha videoconferencia a pantalla completa mentres que na outra pantalla temos unha presentación ou un documento de referencia, gozando en todo momento dunha interface familiar que practicamente carecerá de curva de aprendizaxe.
Un dos elementos máis importantes de Windows 10X é a xestión da batería, algo crucial se falamos de equipos con dúas pantallas (ou con pantallas encartables) estando previsto que vexamos ordenadores con este novo sistema operativo a partires do outono de 2020, a tempo para a campaña de Nadal.

PUBLICIDADE