Withings presenta unha pulseira de actividade disfrazada de reloxo

luns, 5 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Withings, a compañía especializada en produtos de e-health, aproveita a celebración do CES de Las Vegas para presentar un novo formato de pulseira de actividade, que adopta a forma dun reloxo de pulso analóxico, converténdoo nun produto discreto e elegante.
O Activité Pop chega así como un reloxo de pulso que estará á venda en varias cores (negra, branca ou azul) que poden combinarse con correas de moitas máis cores, e que agocha no seu interior un sensor que serve para monitorizar a nosa actividade camiñando, correndo, nadando (é resistente á auga) e incluso durmindo (mide os ciclos do sono). O dispositivo pode conectarse sen fíos co noso smartphone a través de Bluetooth 4.0 para poder acceder aos datos que rexistra, integra vibración para poder espertarnos dun xeito silencioso e a súa batería ten unha autonomía de máis de 8 meses, fuxindo así das molestas cargas case diarias de moitos dispositivos semellantes.
Espérase que o produto chegue ao mercado a finais de mes e o seu prezo será de 149,95 euros.


Vídeo promocional do Withings Activité Pop

PUBLICIDADE