Xa é posible realizar máis de 220 trámites telemáticos na sede electrónica da Xunta

mércores, 15 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Mar Pereira e Jaime Bouzada presentan os avances en materia de administración electrónica

Antes de que a Xunta de Galicia iniciase en setembro de 2011 o seu Plan de Modernización da Administración Pública co que integrar a sede electrónica e modernizar o sistema vixente, tan só o 4% dos procedementos administrativos se podían presentar de xeito telemático.
Agora, menos de 6 meses despois, esta cifra ascende xa ao 16% do total de trámites dispoñibles, que representa nada menos que uns 229 procedementos, que se poden realizar comodamente de xeito virtual.
Segundo lembraron esta mañá a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira e o director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Jaime Bouzada, este Plan recolle, entre outros puntos, o desenvolvemento da sede electrónica, a dixitalización do DOG, e a dotación aos empregados públicos das ferramentas necesarias “para avanzar na eAdministración”.
Xa que logo, e cumprindo cos fitos marcados dende o pasado setembro, cidadáns e empresas xa poden, non só acceder á sede electrónica da Xunta e presentar telematicamente un total de 229 procedementos, senón tamén interoperar con tódalas consellarías a través da Rede, consultar o DOG electrónico, acceder a un sistema de videointerpretación de signos habilitado de balde para as persoas xordas, ou, no caso do funcionariado, acceder ás vantaxes das novas tarxetas intelixentes que permiten, entre outras cousas, máis flexibilidade horaria e posibilidade de traballar a distancia.
Pereira e Bouzada tamén anunciaron que a devandita porcentaxe de trámites dispoñibles neste momento, “irase incrementando” e o obxectivo é que a finais de 2012, “o 95% dos novos procedementos se poidan presentar de xeito telemático”.
De feito, a sede electrónica, que se converterá no punto de acceso único a toda a Administración en Internet, “ofrecerá de xeito progresivo a mesma información e os mesmos servizos que teñen agora á súa disposición os cidadáns en calquera das ventanillas das consellerías”, engadiron.
A todo isto hai que sumarlle o Decreto aprobado en outubro para impulsar o uso das redes sociais “como canle de diálogo, participación, consulta e opinión”, que fixo da nosa unha Administración máis transparente, participativa e colaborativa.
Mediante o mesmo, a Administración autonómica incrementou progresivamente a súa presenza nestas canles e actualmente conta con 101 canles en redes sociais como Facebook, Twitter, Tuenti, Flickr, Youtube e Vimeo.
A maiores, cabe salientar que o portal corporativo oficial da Xunta, que recibiu en 2011 máis de 12 millóns de visitas, conta na actualidade con máis de 8.000 seguidores en Facebook e Twitter, e con case 145.000 no total de canles que o conxunto das consellerías teñen nestas redes.

PUBLICIDADE