Xa podemos adquirir portátiles MacBook Pro con procesadores de 8 núcleos

martes, 21 de maio do 2019 Marcus Fernández

Os portátiles de alta gama de Apple recibiron hoxe unha importante renovación, de xeito que reciben procesador Intel Core de 8ª e 9ª xeración máis rápidos, sendo a primeira vez que un MacBook Pro pode presumir dun procesador de 8 núcleos.
Estes novos equipos serían os portátiles de Apple máis rápidos até o momento, e xunto ás súas pantallas Retina, o chip de seguridade T2 e as súas boas autonomías convértense en referentes como portátiles profesionais a nivel mundial.
Para poder gozar dun MacBook Pro de 6 ou 8 núcleos teriamos que recorrer ao modelo con pantalla de 15 polgadas, mentres que se nos conformamos con 4 núcleos teremos os modelos de 13 polgadas.
No caso do equipo máis potente dende Apple aseguran que o seu rendemento pode chegar a dobrar aos da xeración anterior, conseguir traballar até un 75% máis rápido con Photoshop, compilar código até un 65% máis rápido con Xcode e ser capaz de editar simultaneamente até 11 fluxos de vídeo 4K multicámara en Final Cut Pro X, todo un logro para un equipo que non deixa de ser un portátil.
O modelo máis básico dos novos MacBook Pro sería un equipo con pantalla de 13 polgadas, procesador Intel Core i5 de 4 núcleos, 8 GB de RAM e 256 GB de SSD, que custaría 1.999 euros, mentres que o modelo máis elevado partiría dunha pantalla de 15 polgadas, procesador Intel Core i9 de 8 núcleos, 16 GB de RAM e 512 GB de SSD, que custaría 3.299 euros e que, equipándoo co mellor procesador, a mellor gráfica, a meirande unidade SSD e a maior cantidade de RAM posible elevaría o seu prezo até 7.779 euros.
Dende Apple aseguran que estes novos equipos contan cun teclado que non experimentaría os problemas detectados en modelos anteriores, algo que só o tempo poderá confirmar, xa que nos 3 deseños anteriores do teclado bolboreta estaban considerados como mellores teclados que os seus predecesores por parte da compañía de Cupertino, pero todos remataron dando problemas que desesperaron a moitos usuarios mentres Apple resistíase a recoñecer un fallo de deseño do seu hardware.

PUBLICIDADE