XacobeoTech mellora con xeolocalización inclusiva a experiencia dos peregrinos

mércores, 9 de outubro do 2019 Redacción

O Teu Xacobeo, a iniciativa galega para adiantarnos ao vindeiro ano santo cos mellores recursos, integralmente e coa participación da máxima cantidade de concellos, empresas, entidades e cidadáns, colleu pulo hoxe coa presentación en Arzúa das últimas novidades tecnolóxicas que se lle incorporan: as tecnoloxías de XacobeoTech. Trátase dunha iniciativa que tira proveito das máis modernas ferramentas para mellorar a experiencia dos peregrinos. Isto a nivel xeral. A nivel específico, inclúe sistemas de xeolocalización inclusiva e aplicacións de etiquetado de monumentos e edificios históricos do Camiño conectadas a videoguías. Na presentación participou a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, quen experimentou coa Realidade Virtual para contemplar treitos de rutas a través de drons.
Segundo fixo saber, XacobeoTech ten o engadido extra de ser un proxecto inclusivo, xa que forman parte da experiencia o músico Serafín Zubiri, que viaxa nun tándem (guiado por unha persoa sen dificultades de visión), Javier Pitillas e membros de Discamino, que viaxan en cadeiras de rodas guiadas por bicicletas.
Para desenvolver esta iniciativa e difundila, 13 peregrinos en bicicleta saíron o pasado luns do Cebreiro e remataron hoxe a súa segunda etapa en Arzúa, de onde sairán mañá cara a Compostela. Ao longo das etapas, os peregrinos van probando a tecnoloxía que forma parte de XacobeoTech, ademais de facer unha análise do actual estado de accesibilidade das localidades polas que pasa este tramo do Camiño Francés.
O proxecto inclúe obradoiros de tecnoloxía sustentábel e conservación do patrimonio natural. Ao termo de cada etapa os peregrinos fan unha demostración das tecnoloxías empregadas polo Camiño e, pola tarde, celebran as tecnolareiras, encontros gravados en vídeo coa veciñanza co obxectivo de recoller lendas e contos do Camiño e que logo editan na canle de Youtube de XacobeoTech.
Segundo lembrou Pereira, amais do XacobeoTech, O Teu Xacobeo ten previsto desenvolver outros proxectos tecnolóxicos que incorporan ferramentas TIC para “facilitar, fomentar e amplificar as riquezas do Camiño” e, sobre todo, “contribuír a mellorar a experiencia dos peregrinos”. Entre eles, destacan aplicacións móbiles que permitirán aos viaxeiros gardar e compartir fotografías ou informacións relevantes sobre as rutas, como é o caso de Mi camino/My way ou Xacobeo 2021 with jjffy.
Entre a vintena de iniciativas programadas salienta tamén unha aplicación de realidade virtual que promove o Camiño Primitivo en Galicia mostrando ao peregrino os puntos singulares máis representativos e cun maior valor etnolóxico, paisaxístico ou cultural; ou a aplicación Camiñando polo Pontedeume Medieval, que amosará a vila nos séculos XV e XVI, momento de esplendor da peregrinación polo Camiño Inglés.
A todo isto cómpre engadir as 200 placas con códigos QR situadas ao carón da sinalética xacobea, que van encher as etapas nos seus puntos máis salientábeis. Esta iniciativa está incluída no proxecto O mellor camiño no teu móbil.

PUBLICIDADE